Monday 23 de September de 2024

Diego Calvo visitou a Casa-Museo Rosalía tras a conclusión da reforma do espazo museístico financiada pola deputación


A institución provincial achegou 32.668 euros á Fundación Rosalía de Castro para axudar a comprar a adquisición de equipamento tecnolóxico

O presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, acudiu á Casa-Museo Rosalía de Castro en Padrón para coñecer as melloras incorporadas na primeira planta grazas a unha achega provincial de 32.668,07 euros (o 80% do total investido) para adquirir novo equipamento tecnolóxico que mellore a información para os visitantes.

Durante a visita, Calvo mostrouse satisfeito co resultado da reforma e animou aos responsables da Fundación Rosalía a seguir reclamando axudas para un lugar coma este “porque o merece”. Ademais, o titular provincial garantiu que “mentres eu sexa presidente da Deputación manteremos a colaboración con esta institución”.

Pola súa banda, o titular da Fundación, Anxo Angueira Biturro, falou dun “día moi importante para nós” porque, segundo explicou, esta reforma era “tremendamente necesaria” para o que denominou como “o santuario de Rosalía”. Agradeceu por tanto o seu apoio á Deputación, xa que, dixo, “petei antes en moitas portas e a única que se abriu foi a de Diego Calvo”.

Coa axuda da Deputación subvencionouse a compra e instalación de novos materiais, como un proxector de vídeo de alta resolución para visionado cenital con equipo de son incorporado, equipos audiovisuais e de edición de contidos e os mobles, rotulación e vitrinas para montar unha exposición sobre a poetisa, ademais da reprodución de documentos e imaxes, incluíndo o seu enmarcado e montaxe. Todos os elementos están ubicados na planta baixa do edificio,

Doazóns
Ademais, a Deputación da Coruña xa colaborou o ano pasado coa Fundación Rosalía de Castro coa cesión temporal de bens pertencentes á institución provincial e que agora poden ser vistos na Casa Museo de Padrón. Entre estes obxectos destaca un cadro de Modesto Brocos e Gomes, o único retrato feito en vida que se conserva da poetisa galega. Trátase dun óleo sobre lenzo que foi adquirido en 1997 pola Deputación aos herdeiros de Juan Naya Pérez.

Tamén hai outras cinco pinturas de Ovidio Murguía, fillo da poetisa, catro delas (Primavera, Verano, Otoño e Inverno) conforman unha serie sobre unha mesma paisaxe en distintas estacións do ano. A quinta titúlase Muller lavando.

Por último, a Deputación tamén facilitou un tresillo isabelino de caoba que se trasladou dende o Pazo de Mariñán á Casa da Matanza porque pertencía á familia Murguía-De Castro e que tamén é propiedade da Deputación dende 1997.

Todos os bens, que están valorados en 51.000 euros, foron cedidos en depósito a través dun convenio de colaboración.

O alcalde de Padrón, presente tamén na visita á Casa Museo, asegurou sentirse “moi agradecido” tanto á Deputación como aos responsables da Fundación porque “todo o que veña para esta Casa Rosalía vén para Padrón e para todos os veciños desta comarca”.